SEGUNDO CÍRCULO
Aquel dito se fixo viral. Por repetición. Ás veces abonda con iso, e as xentes o asumen como verdade. Non só era que estiver en boca dos dirixentes daqueles tempos. Era algo que estaba no imaxinario colectivo. Poida que coma unha esperanza á que aferrarse. O que todas agardabamos que sucedera, sen máis. Pero nada acontece sen máis.
E ninguén se imaxinaba até que punto. Nada volverá a ser como antes. E o seu corolario. Imos saír mellores desta. Saímos menos. Cada nova pandemia levou por diante a un lote de xente. Até que atopabamos como detela. Saímos distintas. Mesmo distintas na xenética. Para ben ou non está aínda por ver. Mellores non. Peores en moitos sentidos si. Volvémonos desconfiadas. Marcando permanentemente as distancias. Perdemos a enerxía que nos daba o contacto físico sen limitacións. As celebracións colectivas, con ou sen motivo. Afondamos naquel camiño que se comezou a establecer no século anterior por outros medios de que cada unha vivira a súa vida.
Eu agardaba poder atoparme con algo diso que perdéramos, fóra dos muros. Quizais coa xente que se instalou alí. Así que saín, despois de pasar os controis pertinentes nunha das portas. Cada vez estaban máis relaxados, pero sabía que á volta habían de ser algo máis intensos.
O Ford Solar era xa un vehículo histórico. Só quedaban uns poucos. Fora un dos primeiros que desenvolveu a aplicación da alíaxe de lousa e grafeno en base líquida para a captación e transformación directa da enerxía lumínica para a mobilidade. Ford de novo, como cando o T, tomou a iniciativa, que asiña foi seguida polos catro outros fabricantes mundiais que quedaban por aquel entón. Sen moitas variantes, un modelo único, versátil e adaptable. Cando me subín nel, xa tiña unha carga completa e seguía así mentres me dirixía cara as zonas descontroladas fóra dos muros.
Non había apenas circulación. Só algún transporte de mercancías automatizado. Os sistemas integrados de mobilidade asociada en rede facían que todo se movera con fluidez. Pero ese todo non era o das películas que imaxinaban o futuro no comezo do século. Xa ninguén adoitaba saír do seu pequeno círculo, dentro do gran círculo no que desenvolvía a súa existencia.
Quedaban restos de estradas e autoestradas polos que aínda se podía circular e afastarse a certa distancia. Pero todo o que antes estaba asociado con elas agora eran instalacións abandonadas. Areas de servizo. Aloxamentos. Cabinas de peaxe. Centros de mantemento. Mesmo a sinalización perdera o seu lustre, cando non fora devastada polo tempo ou desmantelada por alguén.
Pero naquel sinal aínda se lia algo. Ferr... ...5. Bur...la ...6.. Ben, eu sabía exactamente onde estaba e todo o mundo conectado sabía exactamente onde estaba eu. Pero iso non lle quitaba certo misterio á viaxe.
Ao pasar unhas dobres curvas a esquerda e dereita, vin a aquela xente. Nunha antiga area de servizo, onde as plantas invadiran practicamente todo, había construcións unidas en posturas diversas, mesmo unhas enriba de outras, parcialmente, feitas con anacos de todo tipo de materiais, metálicos, plásticos, de madeira. Mesmo parecía que as propias plantas reforzaban a estabilidade do conxunto. Diante de cada unha delas, ao nivel do chan ou nunha especie de pequenas terrazas, xente sentada. De todas as idades. Diría que de diversas e mesturadas orixes étnicas, pero incluso ao achegarme máis, tiven dificultades para recoñecer trazos definidos. Nenos e nenas, rebulindo dun lado a outro. E aqueles pequenos animais, non sei se chamarlles domésticos, mestura de rato e can, moi peludos, cuns dentes pequenos e romos e orellas enormes. Lembreime de Néboa.
Néboa era a miña cadela. Unha mestura sen definir de distintas razas. Branca e gris na maioría do seu corpo. Cando a topei, ou ela me atopou a min, atravesándose diante do meu camiño, cando volvía dunha viaxe inesperada, e case facéndome saír da estrada. Pero non puiden evitar golpeala levemente. Dabondo para que quedara tirada nunha beiravía da estrada sen apenas coñecemento. Era apenas unha cría de meses e non me custou moito metela enriba dunha toalla de praia que levaba no asento traseiro. Aínda nos inicios da segunda pandemia. Cando remataron os case catro anos que durou, xa era un animal de case 30 quilos, vigoroso e intelixente. Coido que agradecido tamén. Pero quizais eu o estaba máis por contar coa súa compaña neses tempos. Na metade da terceira pandemia uns cinco anos adiante, houbo que sacrificar a todo tipo de animal doméstico. Culpables involuntarios de transmitir a enfermidade aos humanos. Eu non fun quen...
Por un dos laterais daquel núcleo de instalacións, discorría unha corredoira. Non me decatara dela, medio oculta por plantas que medraban sen aparente control, pero unha das nenas de pel branca e unha cabeleira castaña enmarañada, ergueuse de onde estaba a xogar con outras no chan e arrincou cara alí, primeiro con inusitada rapidez e despois cada vez máis amodo. Pareceume que ollaba de esguello para min, como facéndome unha indicación de seguila. O supoñer foi unha confirmación cando vin que agardaba por min xa dentro da corredoira e botou a andar cando me acheguei a uns metros dela. Non é que fixera ningún aceno de tentar poñerme ao seu carón, pero seguiu mantendo a distancia con olladas furtivas cara atrás de cando en vez.
Anduvemos un bo rato así, e non vin que ninguén nos seguira, nin tampouco que houbera máis camiñantes diante. Diría que ben uns 15 minutos. Despois de avanzar por partes con moi espesa vexetación, que mesmo tupían parcialmente a corredoira, chegamos a unha zona máis despexada, que asiña se abriu a un pequeno val aberto con grandes extensións de leiras sen coidar nen cultivar, verdes. Moi verdes.
Había carreiros cruzando en distintas direccións, e por eles movíanse grupos de xente xunta. De distintas idades, desde bebés no colo até persoas maiores. Parecían familias. Familias! Case diría mandas. E semellaban sorrir. Felices. Facía moito tempo que non vía grupos así. Nos círculos, evidentemente, xa era inusual, por non dicir imposible.
A nena seguiu avanzando. De cando en vez paraba a socializar cos membros dalgún grupo, da súa idade ou de calquera idade. Todos parecían recoñecela. Todos parecían recoñecerse uns aos outros. Pero seguiu avanzando cara o leste. Se non o estaba vendo mal dirixíase aos lindes dun dos muros do círculo exterior. Case parecía un cantil visto deste lado. Erosionado e cuberto de verde en moitos dos seus puntos até unha certa altura. A partir dela, recoñecíase como unha especie de monumento arqueolóxico.
Cando nos fomos achegando máis, vin a pasarela, que en algún momento alguén debeu de construír, tamén con diversos materiais, polos pes do muro, pero bordeando unha ampla zona inundada, na que se debuxaba un illote completamente cuberto de vexetación por todas partes, sen aparencia de ser habitado por ningún ser humano. Pero a pasarela, despois de bordear durante uns cen metros o muro, convertíase en ponte nun tramo estreito da lagoa para dirixirse cara ó illote.
Eu seguía á nena, coma unha parva, a dicir verdade. Hipnotizada pola súa actitude. Era feitiña e misteriosa. Saíra dos círculos á aventura, non si? Cando xa chegabamos ao punto onde empezaba a ponte, parouse. Miroume e chamoume polo meu nome.
Raquel, tes que ir ti soa. Eu non podo entrar. Non te preocupes. Asiña o entenderás. Podo darche un bico?
Achegouse, fixo ademán de collerme polos ombreiros para que me abaixara, e eu respondín deixándome facer. Estampoume un bico na meixela.
Chámome Alba. Xa nos miraremos.
E marchou por onde viñeramos.
Comentarios
Publicar un comentario