PRIMEIRO CÍRCULO
Aquela tarde saín dar unha volta fora dos muros. Rematei a xornada intensiva na oficina de rexistro da septima pandemia. Serían as tres e media cando rematei o xantar nun dos miles de bancos/mesa públicos que había pola zona urbana de xestión. O primeiro círculo de restricción. Verde. A máquina de servizo de menús tiña case que 400 posibles combinacións pero hoxe apetecíame especialmente o prato de solla con grilo e queixo de ovella clonada. E unha estrela 2000, sabor menta, claro. Repetiría, de verdade. Pero xa sabía que non era posible. Un para cada persoa por quenda. Pola noite seguro que xa me apetecería outra cousa para a cea. Camiñei até o intercambiador de transporte público máis próximo. Case me atropela unha rapaza duns 12 anos no seu dron magnético. Ela nin se enterou. Mirando e escoitando o que lle aparecía na pantalla holográfica da escola virtual. Seguro que foi o auto piloto conectado o que me salvou de levar unha boa. Subín á banda de transporte e fun escollendo as rutas...